DO PINCEL Á AGULLA, publicado no Diario de Pontevedra o 21 de xuño de 2015
Xa dende a Prehistoria; a vestimenta ten carácter simbólico, ideolóxico, protector e tamén funcional. Podemos entendela como "unha segunda pel", como un colector que define ao corpo, e permítelle recluírse na súa intimidade, e á vez expoñerse e expresarse.
O que comezou como unha necesidade de resgardo do frío, rematou por ser un feito moi estudado e analizado dende a antropoloxía social. Outros motivos, como o sentimento primixenio de pudor, e o adorno como medio de expresión relixiosa e de status na sociedade, van unidos directamente á historia do vestido.
Todo iso é o que nos quixo transmitir José Luis Rodríguez, secretario da asociación do Traxe Tradicional de Pontevedra, nunha aproximación cara á evolución do traxe tradicional de Galicia. E fíxoo dun xeito moi bonito, gráfico e doado de identificar.
"Vestidos con pincel, cosidos con agulla," é a preciosa exposición sobre o traxe tradicional galego, ¡o noso traxe!, que inaugurábase este pasado venres, froito da colaboración deste estudoso do vestir en Galicia có museo de Pontevedra, o museo provincial máis grande de España.
Esta exposición é unha breve pero interesante mostra, baseada no completo e extenso estudo que cataloga as pezas de vestir da nosa terra, coas variacións producidas durante a súa evolución no tempo e en distintas situacións de uso, dende o cotián (cotío) ata as situacións máis solemnes.
É impecable a reprodución exacta dos traxes confeccionados especialmente para a exposición, e que nos dan a oportunidade de gozar a través de tecidos, texturas e cores, reproducións exactas de cada unha das escenas correspondentes, das escenas de cada un dos cadros e gravados seleccionados de entre os fondos do Museo.
Trátase, pois, dunha mostra da evolución antropolóxica da sociedade galega a través do noso traxe tradicional, onde se mesturan pezas de diferentes épocas e situacións.
José Luis explica, que na evolución e variacións destes traxes foron determinantes os usos e costumes dos nosos antecesores, diso sucédense, o tratamento dos tecidos, as cores, os deseños, e a ornamentación que ían cambiando, segundo a época e a situación de uso, necesario ou ornamental destes.
Eu, que son unha namorada do noso traxe tradicional, porque na casa mo inculcaron dende nena, tiven a sorte de coñecer a José Luis e a súa marabillosa iniciativa da Asociación do Traxe Tradicional, e de poder ir reorientando e adecuando a miña indumentaria coa transformación artesanal das miñas pezas (ao igual que todos os que compoñen a asociación), de ir aprendendo a facer ben as cousas, cos tecidos orixinais, confeccionando pouco a pouco unhas xoias que, me fan sentir orgullosa da miña identidade como galega.
De entre as moitas cousas que se necesitan para entender mellor a nosa civilización e a nosa cultura e tradición galegas, a indumentaria nos dá todas as pistas e referencias que necesitamos. A través dela podemos identificar de que zona ou pobo somos, de que época, a que te dedicas, e como queres manifestar quen es e como queres en cada momento da túa vida, segundo a túa situación na sociedade.
Grazas á Asociación do Traxe Tradicional, ao Museo de Pontevedra e en especial a tí José Luis por instruírnos.
A un Estado defíneo a súa poboación, o seu territorio e o seu xeito de organizarse; pero precisamente, o vestido, leva consigo toda esa información.
A historia do vestir é a historia dun pobo, deses vestidos que debuxaron pinceis e que se coseron con agullas.
Comentarios
Publicar un comentario